26.1.10

Novos materiais na biblioteca do centro


O centro conta con dende hoxe con materiais que vos poden resultar interesantes.

Temos un DVD que inclúe unha escolma de oitenta e dous capítulos do espazo televisivo Ben Falado!, emitidos na Televisión de Galicia desde xullo de 2008 ata xullo de 2009. Trátase dunha
serie de microespazos que teñen como finalidade a promoción e a difusión da lingua galega e que, asemade, contribúen a un achegamento didáctico ás estruturas lingüísticas do galego a través de explicacións sobre toponimia, fraseoloxía, gramática ou morfoloxía.

Tamén vinte números da revista de cómic galego Galimatías. Esta revista naceu en abril de 2009 co obxectivo de achegar historietas en lingua galega a todos os rapaces e rapazas, e conta coa colaboración dalgúns dos mellores debuxantes de Galicia, como Fran Bueno, Enma Ríos, Ramón
Marcos, Álex Cal ou Macaco. Galimatías confórmano series como “Amor inmortal”, que se ofreceu en primicia na revista; “Hexed. A marca de Lucifer” e mais “Vento do norte”, que chegaron directamente de Estados Unidos; e outras que se crearon en exclusiva para a publicación.
A revista tamén conta cun espazo virtual (http://www.ouniversodegalimatias.com/) que vén de recibir o premio Eganet á mellor web de comunicación 2009.
Trátase dun espazo complementario no que as series e todo o universo Galimatías están reflectidos e ampliados. Nela, podedes atopar distintos contidos relacionados co mundo da banda deseñada, coa animación ou coa música en lingua galega.

Sem comentários:

Enviar um comentário